
A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este venres a terceira edición da Xornada anual sobre políticas alimentarias que cada ano organiza o grupo de investigación da Universidade de Vigo Food and Health Omics. Nesta ocasión, centrou o seu foco de interese na industria alimentaria do futuro, nas tendencias e retos que afronta este sector debido ao impacto das tecnoloxías emerxentes.
O evento estivo coordinado polas profesoras Beatriz Cancho e Raquel Rial e contou coa colaboración do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia. Na súa apertura, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou que “estas xornadas son unha oportunidade para aprender, debater e sobre todo para colaborar, xa que só desde o diálogo aberto entre administracións, empresas, centros de coñecemento e sociedade poderemos construír unha industria alimentaria preparada para os retos que veñen”.

A Universidade de Vigo coordina este curso académico dous proxectos EU-FORA, programa de formación da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) de avaliación de risco alimentario. Trátase dos proxectos AlgaeSafe, centrado en aditivos funcionais derivados de algas, e Innov2Safety, de avaliación do risco de substituír conservantes sintéticos por ingredientes naturais. Ao seu abeiro, dúas investigadoras lusas realizan estadías formativas na UVigo.
O programa europeo EU-FORA busca a través das súas bolsas formar especialistas en avaliación de riscos en seguridade alimentaria mediante estancias internacionais en institucións de referencia. As iniciativas, indican desde a Oficina de Proxectos Internacionais da UVigo, reafirman o compromiso da institución académica coa seguridade alimentaria a nivel europeo e impulsan a formación e especialización en avaliación de riscos alimentarios. AlgaeSafe e Innov2Safety, sinalan, "contribúen significativamente ao desenvolvemento do coñecemento en avaliación do risco alimentario e á seguridade alimentaria en Europa" e a Universidade de Vigo, a través destes proxectos, "segue consolidando o seu compromiso coa investigación e a formación neste ámbito”.

A Coruña acolle estes días a celebración da décima edición do Galicia Fórum Gastronómico, cita de referencia en enogastronomía. Cada ano nela entréganse os seus Premios Picadillo, estando entre as persoas galardoadas neste 2025 o catedrático da Área de Nutrición e Bromatoloxía e investigador do Grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias (AA1) da Universidade de Vigo Jesús Simal.
Estes premios, que serán entregados este martes ás 16.00 h na clausura da cita, en ExpoCoruña, queren recoñecer “o traballo que persoas de diversas disciplinas e oficios viñeron realizando en prol da gastronomía galega a través da súa traxectoria profesional á que a miúdo dedicaron a vida enteira”. Jesús Simal, que conta cunha dilatada traxectoria académica e investigadora de máis de tres décadas, acadou o galardón na categoría Produtor, que recoñece “a mulleres e homes con oficios relacionados co mar e a terra que conseguiron crear produtos de prestixio para a gastronomía galega”. O galardón foille concedido concretamente “polo seu labor en prol da recuperación do cultivo da oliveira en Galicia”.